A Coral Polifónica de Salcedo (CPS) fúndase no ano 2008 no seo da Asociación Músico-Cultural San Martiño co fin de dotar á Escola de Música de Salcedo dunha agrupación vogal e da materia de canto, dada a súa importancia na formación do alumnado.
Ademais, foi creada para homenaxear, dalgún xeito, aos pais e nais que en 1988 crearon a Banda de Música de Salcedo para que os seus fillos e fillas tivesen unha ocupación lúdico-formativa na parroquia de Salcedo, xa que está formada case na súa totalidade por familiares de músicos.
No ano 2009, a CPS pasa a formar parte da Federación Coral Galega (FECOGA) e consolídase como agrupación tras formar parte de distintos concertos entre os que destacan os de Santa Icía e Nadal que ofreceron xunto coa Banda de Música de Salcedo.
Dende os seus comezos participan habitualmente nas audicións do alumnado da Escola de Música de Salcedo (EMS), así como no festival de fin de curso da mesma. Asemade, cómpre destacar a súa participación nos Ciclos Musicais CPS, onde comparte escenario con outras corais galegas, e nos emblemáticos concertos de Santa Icía e Nadal, xunto coa BMS e a BXS.
Pese a súa breve andadura, a CPS foise formando como colectivo, creando novas expectativas e proxectos, entre os que sobresaen a súa participación no III Certame de Corais Vila de Arbo e no Festival de Corais da Deputación de Pontevedra.
Dende a súa creación, a coral foi dirixida por D.ª Marta Valbuena Aguado, D.ª Ana Solla Gallego, D.ª Sonia Bouzada Pérez, D.ª Rosana Dominguez Rey e D.ª Cristina Castro Pintos, quen continúa no seu cargo na actualidade.