Coral

A Directora: Rosana Dominguez Rey

Nada en Meaño en 1991, inicia os seus estudos musicais na nenez na escola de música do seu pobo, onde descobre a súa predilección polo canto.

É licenciada en Música Antiga na especialidade de Canto Barroco pola Escola de Música e Artes do Espectáculo de Oporto (Portugal) en xullo de 2018 da man da súa mestra Magna Ferreira. Anos antes obtén o título de Grao Profesional de Canto no Conservatorio de Santiago de Compostela, cidade onde tamén se gradúa como Mestra de Educación Primaria.

Recibiu os consellos de Jill Feldman, Marco Beasley, Kevin Smith, Mercedes Hernández, Cristina Miatello, Magdalena Padilla, Juan Díaz de Corcuera, Yolanda Moutoussé e Mª de los Ángeles Triana, entre outros e traballou baixo a batuta de Luis Antonio González interpretando L’Orfeo de C. Monteverdi no XXXIX Curso de Música Antiga de Daroca. Durante a súa etapa de estudante no Departamento de Música Antiga da ESMAE integrou os elencos de Dido & Aeneas de H. Purcell, Il combattimento di Tancredi e Clorinda e Il Ballo delle Ingrate– ambos de C. Monteverdi- baixo a dirección musical de Magna Ferreira e a escenificación de Catarina Costa; cantou como solista na Sala 2 da Casa da Música en Oporto baixo a dirección de Benjamin Chenier interpretando a Missa decantabat populus de Giovanni Croce e foi seleccionada para representar á escola no ciclo In Spiritum 2018 interpretando a Lieschen na Cantata do Café de J. S. Bach baixo a dirección musical de Pedro Sousa e escenificación de Catarina Costa.

Obtivo o Premio á mellor intérprete de ópera na III Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o Segundo Premio Ex equo no Festival de Canciones de la Bodega de Candás en 2015 e participou no XVII Ciclo de Novos Intérpretes que organiza a Asociación da Lírica Teresa Berganza.

O seu gusto polo repertorio lírico lévaa a realizar diferentes concertos e galas líricas acompañada ao piano e por grandes agrupacións entre as que compre destacar a Xove Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, a Banda de Música de Ponteverda, a Banda Artística de Merza e a Banda Unión Musical de Meaño.

No panorama coral compre salientar que se forma como directora da man de Julio Domínguez no XXIII Curso Tamara Brooks e con Basilio Astúlez no Curso de Dirección Coral que organiza a FECOGA en 2018 e que foi directora titular da Coral “A Barcarola” de Pontecesures. Ten unha gran experiencia no mundo coral, dirixindo diversas agrupacións do panorama galego e formando parte de diferentes formacións dende a nenez. Integrou o Coro da Orquesta Sinfónica de Galicia traballando repertorio sinfónico-coral variado, ópera e zarzuela baixo a dirección de maestros como Ton Koopman, Richard Egarr, López Cobos, Josep Pons ou Alberto Zedda. Tamén traballou en concertos coa Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta de Paul Daniel integrando o Coro Capela Compostelana.

Actualmente compaxina a súa actividade solista coa labor docente e dirixe o Coro Infantil “MusiMarín” e a Coral Polifónica de Salcedo.

La Coral Polifónica de Salcedo

Anterior

Concerto da Banda Xuvenil de Salcedo

Seguinte
Login/Sign up